Cesión guindastre do porto

50459
O alcalde de Cervo asina un convenio co Club Náutico para que a entidade utilice o guindastre do porto

-A través deste convenio o Concello autoriza ao Club Náutico o uso da grúa situada no porto de San Ciprián
-As xestións para que a entidade utilizara a máquina comezaron despois de que o Club Náutico lle transmitira ao Concello o seu interese en aproveitar este recurso

Cervo, 23 de abril de 2012-O alcalde Cervo, Alfonso Villares e o presidente do Club Náutico “Amigos do Mar”, Marcelino Bermúdez, asinaron esta mañá un convenio de colaboración entre o Concello e a entidade que posibilitará a utilización do guindastre do porto de San Ciprián por parte dos socios do Club Náutico. Deste xeito, o goberno local autoriza o uso dun ben de dominio público que ata o de agora se atopaba desaproveitado. A duración do convenio é de 3 anos que poden ser prorrogados.

Os trámites para a utilización pública do guindastre comezaban despois de que o Club Náutico lle trasladara ao Concello o seu interese en aproveitar a grúa para a varada de embarcacións. Deste xeito, o goberno local iniciaba as xestións para facelo posible. En primeiro lugar, o Concello púxose en contacto coa Consellería do Mar, a propietaria da máquina, para pedirlle a cesión do guindastre en beneficio do Concello. O alcalde asinaba o convenio co secretario xeral técnico da Consellería de Medio Rural e do Mar hai ao redor dun mes. Unha vez que a grúa pasou a ser responsabilidade da administración local, o Concello iniciou a segunda fase dos trámites, co obxectivo de autorizar a utilización do guindastre ao Club Náutico “Amigos do Mar”. A sinatura do convenio entre o presidente da entidade e o alcalde pecha os trámites necesarios para a utilización do guindastre.

O mandatario cervense amosouse moi satisfeito de que “os recursos públicos e, neste caso o guindastre, podan ser aproveitados e resulten de utilidade para a veciñanza”, o cal permite “optimizar os esforzos e contribuír ao mellor funcionamento da sociedade” engadiu Villares. “O deber das administracións é poñer todos os recursos públicos ao dispor dos cidadáns”, explica Villares, “e con este convenio garantimos que o guindastre realice a función para a que foi adquirido pola Xunta” remata o rexedor.

Este guindastre telescópico é de funcionamento hidráulico e entre as súas funcións está o apoio na varada das embarcacións así como outros servizos complementarios. A súa capacidade é de 10 toneladas e foi adquirido pola Xunta no ano 2008. A confraría de pescadores foi usuaria da grúa durante un tempo, pero renunciou á súa utilización quedando dende entón sen beneficiario.

À ne pas manquer